Saturday 18 de May de 2024

O Concello ultima os traballos de mellora na área de xogos infantís do parque Carlos Casares, no barrio de Monte Alto


A intervención, que comezou a mediados de abril, centrouse no acondicionamento da zona de area, onde se instalou unha nova estrutura multixogos con capacidade para 19 persoas usuarias

O servizo municipal de Infraestruturas está a acondicionar a área infantil do parque Carlos Casares, situada no sector norte do barrio de Monte Alto.

As obras están xa na rúa recta final e céntranse na zona de area onde están localizados varios dos xogos infantís e bambáns. Neste sentido, e co obxectivo de solucionar as deficiencias existentes por mor da exposición ás inclemencias meteorolóxicas e o paso do tempo, o Concello completou recentemente a substitución da principal estrutura multixogos.

Instalouse unha nova, máis ampla e dotada con cordas para trepar. Esta estrutura, ideada para nenas e nenos a partir de catro anos de idade, ten capacidade para un total de 19 persoas usuarias.

Ademais, a previsión do servizo de Infraestruturas é conservar os minixogos xa existentes actualmente, que foron reubicados na propia área de xogos do parque Carlos Casares.
En paralelo estanse levando a cabo, ademais, diversas melloras orientadas ao coidado e restauración do mobiliario urbano na contorna da área infantil, como os bancos e espazos peonís situados nos camiños do parque. Os traballos están a ser executados pola empresa Xardinería Arce.

A reapertura da área de xogos terá lugar, previsiblemente, a mediados deste mes de maio, toda vez se emita a certificación correspondente que valida as estruturas xa instaladas.